8719600510

O 8719600510 é o número de recluso de Arnaldo Otegi, o número ao que o neofascismo español quere reducir a un dos políticos máis lúcidos e coherentes das últimas décadas. Non podemos permitilo. E non o vamos a permitir. Somos moitas as persoas que, con este novo acto de terrorismo de Estado que é o secuestro de Otegi e das súas compañeiras e compañeiros de loita, fomos privadas dunha parte irrenunciábel da nosa liberdade, fomos insultadas na nosa intelixencia e feridas na nosa dignidade. E non vamos a calar.

Compartamos ese número infamante que só infama a quen o adxudican. Levémolo en forma de pin ou de colante, de camisola ou de pintada, poñámolo en todas partes, convertámolo nun clamor silencioso. E non porque Otegi mereza ou precise máis apoio que outras presas e presos políticos, senón porque as circunstancias fixeron que o seu caso poña en evidencia con especial claridade as contradicións da nosa falsa democracia, a miseria das nosas institucións e a ruindade dos nosos gobernantes. O seu esperpéntico xuízo convérteo en testemuña de cargo do xuízo da Historia, que non absolverá aos seus xuíces.

Do mesmo xeito que os Cinco, os patriotas cubanos secuestrados polo Goberno dos Estados Unidos, Otegi é criminalizado e enfrontase a unha longa condena por loitar contra a violencia e por defender un proxecto político oposto á barbarie capitalista. Do mesmo xeito que Nelson Mandela no seu día, Otegi é criminalizado e se enfronta a unha longa condena por loitar contra a persecución dun pobo e a negación da súa identidade. Do mesmo xeito que fai cen anos o caso Dreyfus puxo de releve o profundo antisemitismo da burguesía francesa, o caso Otegi puxo de manifesto con especial claridade o alarmante auxe dun violento nacionalismo español que é herdeiro directo do franquismo, profundamente antivasco (e anticatalán, e antigalego…), apoiado por poderosos sectores da política parlamentaria e dos medios de comunicación.

E a igual que a Dreyfus, a Mandela e aos Cinco, a Otegi dálle a razón a forza dos feitos, e os feitos son obstinados: tan obstinados como os pobos que loitan pola súa liberdade. Por iso obtivo un amplo apoio internacional que medra día a día e que obriga aos seus secuestradores a pagar un altísimo prezo político pola súa iniquidade. Podemos conseguir, e conseguirémolo, que ese prezo non remate sendo asumíbel.

Nelson Mandela puxo o seu número de recluso na prisión de Robben Island, o 46664, ao servizo da loita contra a SIDA. Poñamos o 8719600510, o número de Otegi, ao servizo da loita contra outro virus non menos letal e epidémico: o do nacionalismo español. “A SIDA xa non é só unha enfermidade: é unha cuestión de dereitos humanos”, era o lema da campaña de Mandela; sen máis que cambiar “SIDA” por “españolismo”, serve para a nosa.